A música das imaxes, imaxes para un músico

Asi que pasen cinco anos foi o artigo de Hernán no libro editado por Amadores, ala polo 97, co gallo do quinto cabodeano da Banda. Un artigo cheo de puñais ben afiados e tamén de auto-censura. Un artigo, que a fin de contas, contiña máis desexos que puñais. Verdades coma puños. É un artigo que remataba con desexos compartidos: desexaba seguir colaborando co meu primo Eli, seguir bebendo e falando con Coté, montar unha ópera con Lalo e dar a volta ao mundo con Eva incluída. Desexaba tamén grabar un disco e iso si que o conseguimos. Conseguíronse moitas cousas, non vos pensedes. Asi que pasen (outros) cinco anos.
Non pasaron cinco, pasaron dez. O dezasete de maio vanse cumprir dez anos do pasamento de Hernán Naval. E como a verdadeira morte é o olvido, eu non o olvido. Tampouco quero que o olviden o resto dos meus compañeiros. Mirar cara atrás tampouco está mal (sempre que se vaia cara adiante) e o Míster ben o merece. Aunque sexa sinxelamente polo apoio que recibimos del miñá irmá pequena e eu. En fin, render unha homenaxe á figura de Hernán no seu décimo cabodano. Diso vai a exposición.
Non vou decir que Hernán foi o meu mentor nisto dos garabatos e debuxiños varios; el animábame, sempre. Máis ben serían Suso Peña, Pepe de Mon ou xa máis tarde, Salvatore. Pero traballar con Hernán (nunca traballei para el, sempre con el) era doado. Doado e divertido. El era divertido, intelixente, competente e de calidade. El non quería un cartel, quería algo máis; nunca lle preguntei si o acadara algunha vez. Gostábame traballar preto del. Tal foi, que durante unha boan tempada levárame o ordenador e os meus lapiceiros a unha pequena aula onde tamén se gardaba o piano da Contrabanda. Traballar dentro da Casa do mar axudábame a manter a perspectiva, o humor, a calidade, o amor e a intelixencia que o Míster precisaba. Satisfacerlle, satisfacerlles e satisfacerme.
Son chenchu e estades convidados á exposición que poderá verse entre os días 13 e 22 de maio de 2011 na antiga Oficina de Turismo, no Parque de San Francisco. A música das imaxes, imaxes para un músico conta coa colaboración da Asociación Amadores da Música.
Así están as miñas cousas e así as vou contando. Saúde e pátria.